O agasallo do Goberno de PSOE-Podemos ao PP de Feixoo

Vista a experiencia, hoxe non hai ningunha dúbida de que a decisión do goberno español de centralizar as decisións nun ‘mando único’ en Madrid foi un erro do punto de vista práctico. Lonxe de facilitar e axilizar a xestión, entorpeceuna e ralentizouna a base dunha combinación de máis burocracia e incapacidade. Os galegos e galegas non saímos gañando con iso. Feixoo, si.

O Goberno español podería ter optado por coordenar o traballo dos gobernos autónomos en vez de centralizar. E aínda por estabelecer criterios xerais e medidas comúns -mesmo obrigatorias- como o confinamento en todo o territorio do Estado español. Para iso, non era necesario arrebatar competencias ás comunidades autónomas e tamén non militarizar o operativo contra a pandemia. Porque o Estado de Alarma non ten condicións pre-estabelecidas; é o Goberno quen as define a primeira vez e despois o Congreso.

Parece evidente que detrás desa decisión de centralizar había razóns diferentes das sanitarias e unha mensaxe política nada inocente: Está ben que haxa gobernos autónomos, mais, á hora da verdade, cando hai que enfrontar unha situación excepcional, o único que pode ‘salvarnos’ é o goberno español. É dicir: as autonomías son prescindíbeis ou valen para a xestión común; para o importante, é España quen pode resolver.

Con todo, tamén esa mensaxe, apesar de reiterada día a día de forma pouco sutil, chocou coa realidade da inoperancia, falta de previsión e incapacidade do propio Goberno para resolver cuestións prácticas. Por exemplo a adquisición e/ou fabricación de materiais básicos (máscaras, xeles, EPIs, PCR…) e a súa distribución. De facto, tiveron que acabar autorizando as Comunidades Autónomas a que tamén puidesen adquirir.

É só un exemplo, e poderíamos pór moitos máis de decisións tardías, erradas ou adoptadas por razóns diferentes das estritamente sanitarias. En máis dunha ocasión, o Goberno acertou cando rectificou.

Mais esas dificultades eran facilmente predecíbeis cando partimos de que o Ministerio de Sanidade non ten experiencia práctica na xestión de servizos de saúde, simplemente porque non se dedica a iso. Se cadra pouca xente repara en que o Ministerio só xestiona dous hospitais: Ceuta e Melilla. No resto, son os gobernos autónomos os que teñen o control do sistema sanitario. Empecinarse en tomar decisións desde Madrid nesas circunstancias, sen contar con quen debe actuar sobre o terreo, foi claramente irresponsábel.

Mais, para alén dos efectos prácticos, no caso da Galiza, isto tamén tivo un efecto político moi evidente. Feixoo, lonxe de se preocupar por ser privado de competencias, debeuno agradecer infinitamente. E non só porque non crea realmente no autogoberno, senón porque a decisión do Goberno español deixouno nunha posición politicamente moi cómoda.

Todo o que puidese funcionar ben ou razoabelmente ben, Feixoo asumiuno como resultado da súa xestión, e non aforrou en propaganda amparado no control dos medios de comunicación, especialmente a TVG. Todo o que funcionaba mal, era culpa do goberno central. Así de fácil.

Dese modo, Feixoo ficou exonerado de responsabilidade na xestión da crise da COVID-19, sen ter que dar conta dun operativo que, de maneira imprudente, o goberno español colocou baixo o seu exclusivo control. E -convén lembralo, porque o primeiro obxectivo era e é salvar vidas- sen que iso supuxese maior eficacia na loita contra a pandemia, todo o contrario.

O resultado é que Feixoo puido dedicarse todo este tempo a facer o que máis lle interesaba: continuar de maneira descarada coa campaña electoral, sen ter que dar moitas explicacións da grave crise sanitaria, social e económica que o pobo galego está a sofrer. O cego centralismo en que se empecinaron PSOE e Podemos acabou resultando un excepcional presente político e electoral para o PP de Feixoo.

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s