Néstor Rego |
A pasada semana desde esta tribuna o Sr. Abascal asumiu que son un partido franquista ao asegurar que este era o peor goberno en 80 anos. E que un partido que representa o ultraespañolismo fascista pretenda ilegalizar forzas políticas democráticas, forzas que loitamos pola liberdade durante a ditadura e que pagamos un alto prezo por iso, retrata perfectamente a España que vostedes representa
Alto prezo, si. Con miles de represaliados, de exiliados e de mortos. A 17 de agosto de 1936 foi fusilado o dirixente nacionalista Alexandre Bóveda. A 12 de agosto de 1975 foi asasinado con tres disparos polas costas outro loitador pola liberdade e a soberanía da Galiza, o noso compañeiro Moncho Reboiras. No medio, 40 anos de terror, que vostedes estrañan.
Queren ilegalizarnos porque seguimos defendendo a liberdade do noso pobo, dos nosos pobos. Vostedes falan na súa Proposición de Lei como un fetiche de soberanía nacional. Pois ben, nós defendemos a soberanía nacional, aínda que está claro que falamos de nacións diferentes. O BNG defende a soberanía da nosa nación, da Galiza. Defendemos o dereito de autodeterminación, que ncabe na súa constitución, mais que está recoñecido pola ONU como un dereito democrático esencial para todos os pobos do mundo.
E frente á súa monarquía anacrónica e corrupta, imposta por Franco e tan antidemocratica que nunca puido ser votada pola cidadanía, queremos poder vivir en prosperidade e igualdade na nosa república, na República da Galiza.
E temos todo o dereito, mal que lles pese, a facelo. Vostedes pretenden eliminar politicamente todas as que non pensan como vostedes. Pois ben, non van conseguir dobregar o soberanismo e o independentismo da Galiza, de Euskal Herria e dos Països Cataláns. Saiban que ao BNG non o van calar, nunca. Porque, aliás, na Galiza contamos cun apoio popular que vostedes non teñen. Déixenme que lles lembre o resultado das eleccións de hai dous meses: BNG 19, Vox 0. E tamén 0 alcaldes, 0 concelleiros. Está claro que ao pobo galego non o representan. E tamén que queren gañar con leis antidemocráticas e tribunais autoritarios o que o pobo lles nega. Non o conseguirán.
- Texto da intervención no Congreso no día 15 de setembro de 2020