Néstor Rego |
Señores e señoras do goberno: están vostedes a piques de aprobar uns orzamentos que lles permitirán gobernar o próximo ano e previsibelmente os próximos anos. Pena que non fixesen unha aposta máis firme por desenvolver políticas sociais e pena, sobre todo, que no caso da Galiza presentasen vostedes unhas contas que discriminan o noso País, cun descenso do investimento territorializado de máis de 11% e unha caída de 104 millóns de euros en relación cos últimos orzamentos aprobados, os de 2018 do Partido Popular e de Montoro, que xa eran malos, tanto que o propio Partido Socialista os descualificou contundentemente nese momento.
Claro que hai dirixentes políticos que cando están na oposición din unha cousa e cando o seu partido goberna poden dicir a contraria sen ruborizarse. Mesmo xustificar o inxustificábel. O BNG só ten unha palabra: estamos aquí para defender os intereses dos galegos e galegas, goberne quen goberne en Madrid. Se alguén pensaba que estabamos para outra cousa, equivócase.
Dicía hai un momento o señor Meixón, no medio de ataques demagóxicos e sen sentido ao BNG, que estaba orgulloso de votar a favor destes orzamentos. Vostede saberá. Pero terá que explicar -si, explicar- a todos os galegos e galegas por que persisten nunha actitude de castigo á Galiza constatada non só cunha proposta á baixa inxustificábel senón, sobre todo, cunha incomprensíbel actitude de cerrazón do Partido Socialista e de Podemos a incluír calquera emenda que implicase modificar á alza nin un euro as partidas que teñen que ver co noso País. Nin un só euro!
Parece que vostedes están orgullosos de que a Galiza e os galegos teñamos menos do que necesitamos e do que é de xustiza. Non sei se os seus electores e electoras van entender que no canto de estaren aquí para defender os seus intereses, suban á tribuna para obedecer cegamente o que decidan as direccións dos seus partidos en Madrid e xustificar que o Goberno nos discrimine. Como digo, vostedes saberán.
Mais eu teño claro que os deputados e deputadas dos partidos do Goberno terán que explicar por que defenden uns orzamentos maos para a Galiza e tamén por que votan en contra de propostas do BNG para melloralos. Por que rexeitan unha partida para converter Navantia nun Complexo Industrial Integral que acolla tamén a construción naval civil para xerar novos postos de traballo, ou unha partida para garantir a intervención pública de Alcoa para segurar a continuidade da actividade e de máis de 1.000 postos de traballo. Terán que explicar por que votan en contra dunha partida de solo 20 M€ para a conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña -cando hai un proxecto aprobado e un estudo de impacto ambiental a pique de caducar- e sobre todo porque -agravio comparativo- nestes mesmos Orzamentos Xerais do Estado hai unha partida de 140 M€ para o porto de Castelló, que nin sequera ten proxecto.
Ou por que vonta en contra dunha partida de só 1.300.000 euros para compensar as mariscadoras da Ría do Burgo que teñen que parar a actividade durante as obras de dragaxe e rexeneración desa ría. Ou terá que explicar o seu Secretario Xeral na Galiza, Gonzalo Caballero, por que en 2018 cualificaba os orzamentos de Montoro como “unha labazada do PP a todos galegos” e agora estes, con 104 M€ menos, lle parecen estupendos.
É lamentábel que os deputados e deputadas galegos e galegas de PSOE e Podemos, no canto de traballar para que os seus partidos modifiquen o trato discriminatorio que dan á Galiza, empreguen o seu tempo en tentar xustificalo. Mesmo con argumentos demagóxicos.
Porque verán, á hora de explicar o descenso do investimento na Galiza en relación a orzamentos anteriores non serve a xustificación do AVE porque o AVE non está aínda concluído: nestes Orzamentos figura a variante de Ourense, valorada en máis de 600 M€ e só 29 orzamentados. E porque, ademais temos moitas necesidades pendentes especialmente en infraestruturas ferroviarias.
Ou por que utilizan argumentos como que a Galiza recibe máis orzamentos por habitante que a media do Estado; un argumento que non teñen en conta o déficit histórico que padece o noso país en investimentos en equipamentos e infraestruturas, especialmente na rede interior dos camiños de ferro. Ollen, o MITMA xáctase de dotar unha partida de 1.500 M€ para modernizar as cercanías ferroviarias. Vostedes saben que nin un só euro desdes 1.500 millóns virá para a Galiza, pola simple razón de que aquí as cercanías non existen. Primeiro habería que crealas, como propuña o BNG nas súas emendas que PSOE e Podemos rexeitaron.
Demagoxia como acusar o BNG de se opor á subida das pensións en 0,9%. Ao contrario, nós o propuxemos foi igualar as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional, como vostedes se comprometían antes de estar no goberno, como Podemos se comprometía antes de estar no goberno e agora votan en contra.
Ou, como acaba de dicir o señor Meixón, que preferimos os orzamentos de Montoro. De verdade pensan que alguén vai crer iso? O BNG quere uns orzamentos sociais e bons para a Galiza. E estes non o son, por moita demagoxia que utilicen.
Por exemplo, a de denunciar que se nos aliamos con este ou con aquel. Nós tan só no aliamos cos galegos e galegas e coa defensa dos seus intereses, como dicía, estea quen estea no goberno de Madrid. En todo o caso, PSOE e Podemos votan en moitas ocasións coa dereita e a ultradereita. É máis, o PSOE vota sistematicamente con Vox e co PP na Mesa do Congreso para impedir que saia adiante unha Comisión de investigación a Juan Carlos de Borbón e á corrupción da monarquía e dos Borbóns. Non sei se ese lles parece un motivo loábel para que vostedes voten coa ultradereita, parece que si.
En todo caso, entendo que estean vostedes preocupados coa posición de firmeza e coherencia do BNG nestes orzamentos. Sobre todo porque iso deixa en evidencia a actitude submisa e sucursalista dos deputados dos partidos do Goberno neste Congreso. Mais non me cabe dúbida de que moitos galegos e galegas que queren que as cousas muden de verdade -como xa fixeron en boa medida nas últimas eleccións- terán agora máis claro que a vía para facelo, tamén para sacar o Partido Popular do goberno da Galiza e para acabar definitivamente coa discriminación ao noso País, é confiando no BNG. Non teñan ningunha dúbida de nós continuaremos traballando neste Congreso e en toda a parte para defeder os intereses da Galiza e de todos os galegos e galegas.
(*) Texto da intervención final no debate dos Orzamentos do Estado no Congreso. Inclúese un parágrafo previsto (marcado en itálica) que, por cuestión de límite de tempo, ficou fóra do discurso.