Néstor Rego | No pasado día 3 (de decembro de 2020) ficaron aprobados os Orzamentos do Estado, que o goberno cualificou de expansivos. Mágoa que non fixesen unha aposta máis firme por desenvolver políticas sociais e mágoa que no caso da Galiza presentasen unhas contas que discriminan o noso País, cun descenso do investimento de 104 millóns de euros en relación cos últimos, os de 2018 do Partido Popular, que xa eran malos, tanto que o propio PSOE os rexeitou nese momento cualificándoos como “unha labazada do PP a todos os galegos”. Agora, no entanto, parécenlle estupendos.
Claro que xa sabemos que hai dirixentes políticos que cando están na oposición din unha cousa e cando o seu partido goberna poden facer a contraria sen ruborizarse. Mesmo xustificar o inxustificábel. Polo contrario, o BNG só ten unha palabra: estamos no Congreso para defender os intereses dos galegos e galegas, goberne quen goberne en Madrid.
E as contas son claras: sobe o orzamento global, sobe o investimento en máis de 68%, soben a maior parte das Comunidades autónomas mesmo por riba de 45% e, no entanto, Galiza baixa máis de 11%. Inxustificábel.
Frente a esta evidencia incuestionábel hai quen sae en tromba a criticar a coherencia do BNG e a tentar xustificar sen pudor e sen rigor (con falsidades como o AVE) que vaiamos ter menos diñeiro do que necesitamos e do que é de xustiza. A verdade é que se empregasen 1/4 da enerxía que usan para descualificar o nacionalismo en convencer as direccións dos seus partidos en Madrid para melloraren os investimentos, a Galiza sairía gañando, porque outros orzamentos eran posíbeis. Mais, ao que se ve, preferiron obedecer e tentar convencernos de que son marabillosos.
Só non explican por que non presentaron nin unha soa emenda para incrementar o investimento e por que rexeitaron todas e cada unha das 234 emendas do BNG. Tamén moitas no ámbito social: aumentar en 250 M€ o apoio á dependencia, subir as pensións mínimas; reducir o IVE a 0% para as máscaras e a 4% para produtos de hixiene feminina, culturais ou servizos esenciais (auga, luz, gas); modificar o IRPF para non prexudicar persoas con rendas baixas e dous pagadores (por exemplo emigrantes retornados e persoas en ERTE); crear 3 novos xulgados de violencia de xénero; reducir o gasto militar…
Entretanto, moitas persoas xa tiraron unha conclusión: precisamos máis forza (propia) en Madrid pois, á hora de defender os intereses do noso pobo, só o nacionalismo ten as mans libres para facelo, con coherencia e con dignidade.
* Artigo publicado no xornal La Voz de Galiza a 7 de decembro de 2020.