A pandemia non pode ser escusa para non cumprir coa Galiza

Néstor Rego | En tres minutos e dado que estamos a un ano do Estado de alarma, permítanme facer unha reflexión de carácter xeral sobre tres elementos.

En primeiro lugar, a xestión da pandemia por parte do Goberno foi e continúa a ser altamente deficiente. Non se adoptaron medidas absolutamente necesarias, foron priorizados intereses económicos frente a salvar vidas humanas e a protección social foi – e continúa sendo- manifestamente insuficiente, a pesar de anuncios como o que acabamos de escoitar.

Agora mesmo, limitar a adquisición de vacinas ao ‘espazo OTAN’ é un erro, porque se a prioridade é salvar vidas, o lóxico é negociar con todos os laboratorios con vacinas dispoñíbeis, para -con todos os controis necesarios- poder avanzar na vacinación canto antes. Que neste momento non se chegue nin aos 3% só pode ser cualificado de fracaso.

A propósito, reclamamos un reparto xusto das vacinas que até agora, polo menos no caso da Galiza, non está sendo así.

A propósito tamén, cando van explicar cales son as condicións dos fondos europeos, como os van a distribuír e a quen vai a beneficiar? Ao conxunto da sociedade, ás maiorías sociais ou aos de sempre?

En segundo lugar, a situación de emerxencia sanitaria foi abordada desde unha perspectiva centralista que -para alén das lecturas políticas-, resultou en ineficacia e retardación das solucións a aplicar. Nesta segunda etapa optaron por delegar nas Comunidades autónomas, mais sen lles daren competencias para iso.

Primeiro anularon as competencias vía decreto e agora un Goberno autónomo pode mover o toque de recoller unha hora arriba ou abaixo. Pois ben!. Se a move 3 horas, vai directamente ao Tribunal Constitucional, non vaia a ser que rompa España. Hai que agradecer, iso si, que con isto este Goberno poña en evidencia a inadecuación do sistema autonómico para dar solución aos problemas dos nosos pobos.

En terceiro lugar, utilizaron a pandemia como escusa para incumprir os compromisos adquiridos. Aí continúan sen derrogar a reforma laboral ou a Lei mordaza; sen aplicar, as rebaixas nas portaxes da AP-9; sen solución á crise industrial de Galiza, co foco na industria electrointensiva, en Alcoa, AluIbérica ou Endesa. Continúan sen resolver o problema dos emigrantes retornados…

En fin, , o conxunto de medidas que figuran no acordo de investidura, que non é un compromiso co BNG, senón con todos os galegos e galegas. Iso si, cos Orzamentos Xerais do Estado cometeron vostedes un novo acto de discriminación ao noso País como antes facía o Partido Popular.

Rectifiquen porque, ademais, cada día que pasan sen facelo, profundan no seu descrédito na Galiza, con máis persoas que pensan que non son vostedes de fiar, que o PSOE é un partido en que non se pode confiar. O pasado 12 de xullo, os galegos e galegas enviaron unha mensaxe clara ao PSOE e a Podemos. Parece que non a entenderon, ou que lles dá igual, o que é aínda peor.

En todo o caso, tamén cada día son máis os galegos e galegas que se unen ao BNG para consolidar unha alternativa ao nefasto goberno do PP e de Feixoo no noso País, unha alternativa que abra paso a unha Galiza con capacidade para decidir por si mesma o seu futuro.

(*) Texto da intervención no Congreso con motivo da comparecencia do Presidente do Goberno español para dar conta da evolución da pandemia e do Estado de Alarma.

 

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s