Moi boa tarde.
Moitas grazas, Señor Presidente.
Hoxe traemos aquí diversas forzas políticas, loxicamente o BNG, unha cuestión que, sendo simbólica, posúe unha relevancia excepcional desde a perspectiva dunha verdadeira democratización do Estado español, que pasa por recoñecer que neste estado convivimos nacións e pobos diferentes, que temos lingua propia e que temos tamén o dereito a poder empregala sempre, en todo momento e en todo lugar, en igualdade de condicións aos falantes de español. Que temos, en definitiva, dereito a normalizar o uso do galego.
Certo que onde queremos ver a nosa lingua normalizada é na Galiza, mais tamén que que deputadas e deputados poidamos empregar aquí a lingua do noso pobo, a lingua das persoas que nos elixiron, ten un valor simbólico innegábel e, para alén do máis, con consecuencias prácticas. Sería o recoñecemento a serio da realidade plurilingüe do estado e, por tanto, tamén da necesidade de avanzar no contributo desde a administración estatal para a plena normalidade das nosas linguas como, aliás, estabelece a Carta Europea das Linguas que o Estado español ten asinado.
Porque non podemos esquecer que a Galiza leva padecendo máis de quiñentos anos de imposición lingüística, imposición do español, é claro. E que nese proceso, que levou primeiro á marxinación e exclusión da vida pública da lingua que falaba a poboación da Galiza e, mesmo, a día de hoxe, a un proceso de devalo permanente, de perda progresiva de falantes, ten unha responsabilidade histórica e presente o Estado español.
Ou por ser máis exactos, porque non querería contribuír eu á falacia españolista da España de 2.000 anos: A Coroa de Castela desde o século XV e o Estado español desde que en 1833 fose eliminado o Reino da Galiza.
Pero é que mesmo desde que o galego é oficial, as políticas públicas en moitos períodos, nomeadamente durante os 13 anos de Goberno do PP de Feixoo, camiñaron no sentido de atacar a normalización do galego, por exemplo, derrogando o decreto de uso do galego no ensino e impondo un malchamado “Decreto de plurilingüísmo” que prohibe que materias como matemáticas, Bioloxía ou Fisica e Química poidan ser ministradas na nosa lingua.
“Nunca fue la nuestra lengua de imposición”, dixo en 2001 o Borbón corrupto e fuxido. Unha mentira máis das moitas que contou desde a Xefatura do Estado. A imposición do castelán na Galiza e a prohibición do galego ao longo de séculos está sobradamente documentada. Por acaso, vén de ser publicado un libro magnífico do profesor Carlos Callón, O libro negro do Galego, que compila os múltiplos factos deses 500 anos de persecución do galego. Inicia o percurso desa represión en maio de 1480, momento en que os chamados Reis Católicos impoñen o uso do castelán aos escribáns, e finaliza en 1986, ano en que é ditada unha sentenza do Tribunal Constitucional que limitaba a oficialidade do galego mais tamén en que, para traballar pola plena normalidade, nace a Mesa pola Normalización Lingüística.
Quero traer aquí a voz do autor, recollida dunha entrevista nun medio: «É un libro que fala de feridas, de cicatrices…, pero non só atopamos a historia da represión, senón tamén os lóstregos da noite, da xente que abriu a boca… Nós somos herdeiros e herdeiras tanto da represión como das persoas que loitaron en tempos moi difíciles».
Porque se hai algo certo é que o pobo galego nunca se rendeu na defensa da súa lingua e nunca se renderá.
Sempre en Galiza, sempre en galego.
Obrigado.