Esta moción de censura responde exclusivamente á axenda política e mediática da ultradereita na súa estratexia de extensión das políticas de odio, baseadas en cuestionar os dereitos das mulleres, do colectivo LGTB, dos inmigrantes ou dos pobos que, como a Galiza, estamos integrados no Estado español, negando a nosa condición de nación, a nosa lingua e a nosa cultura.
É evidente que como forza democrática e republicana -desculpen o pleonasmo-, como forza galega e soberanista, que defende unha Galiza libre para decidir sobre o seu futuro, o BNG está nos antípodas da ultradereita. Loxicamente, imos votar en contra, mais tamén continuaremos combatendo con absoluta firmeza as súas políticas de odio coa forza da razón e a vontade democrática do noso pobo. Porque na Galiza o seu discurso supremacista español, racista, machista e homófobo non só non concita apoios – aí está a súa representación cero- senón que, pola contra, suscita un amplo rexeitamento.
Sen dúbida, este Goberno merece ser criticado. De feito, o BNG é moi crítico, aínda que por razóns ben diferentes das que vostedes aducen. Xa no debate de investidura, a pesar de votar a favor, deixamos claro que nunca un Goberno español sería o noso Goberno e, ademais, que o seu programa nos parecía insuficiente en políticas de esquerda realmente transformadoras e de recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado.
Desde entón, a actuación do Executivo PSOE-Podemos profundou na fenda da decepción cos seus continuos incumprimentos. Dun Acordo de investidura, en que o BNG conseguiu arrancar medidas importantes como en relación coa AP-9, mais só en parte executado, até cuestións como a non derrogación da reforma laboral do Partido Popular ou a Lei Mordaza, pasando por políticas regresivas en pensións ou a negativa para enfrontar os intereses do oligopolio eléctrico ao que apoian descaradamente no espolio eólico que sofre a Galiza por terra e por mar. Para alén da viraxe sobre o Sahara ou aumentar o gasto militar e alentar a escalada belicista en curso.
Hai, por tanto, moitas razóns desde a esquerda e o soberanismo para exixir a este Goberno que rectifique e cumpra os seus compromisos se non quere que a censura de verdade se produza nas urnas.
Mais o BNG rexeita que a alternativa sexa a dereita ultra e a ultradereita. Porque, ademais, en Galiza coñecemos ben as políticas do Partido Popular e a Feixoo, a ese Feixoo ao que a progresía española/madrileña -valla a redundancia- louvaba como moderado e bon xestor e a ultradereita cualificaba case como separatista porque un día de rara lucidez, entre paseos en iate e viaxes á neve se lle ocorreu dicir que a Galiza era unha nación sen estado, que o é, claro que o é.
Pois nin moderado, nin bon xestor, nin sequera autonomista. Feijoo participou con Abascal na manifestación de Colón e hoxe coa abstención achega o PP á ultradereita. Acometeu a deterioración programada dos servizos públicos na Galiza, especialmente da sanidade, recortándoa, precarizándola e privatizándoa. Claro, non sei se podemos considerar un éxito de xestión amordazar os medios de comunicación públicos para convertelos en medios de propaganda do PP, como denuncia sistematicamente Defende a Galega.
O seu autonomismo queda reflectido nun dato: en 14 anos non asumiu nin reclamou unha soa competencia das moitas pendentes, CERO. Iso si, na súa folla de servizos está ou ataque permanente á nosa lingua até o punto de que hoxe na Galiza está prohibido leccionar materias como matemática en galego.
Non, esa non é a alternativa.
Para nós a verdadeira alternativa é unha Galiza con capacidade para decidir sobre os seus asuntos de forma soberana, porque non esquecemos que, para alén de quen goberne en Madrid, grande parte dos problemas sociais e económicos que soporta o pobo galego son estruturais e traen causa da subordinación política, do espolio do noso País e da súa inserción dependente no Estado español.
Infelizmente comprobamos a diario que cando deciden por nós a 600 km, case sempre deciden contra os nosos intereses, e senón que llo digan ao sector pesqueiro galego, sacrificado cos POEM para maior lucro do oligopolio eléctrico coa eólica mariña. Queremos soberanía para poder desenvolver as nosas inmensas potencialidades, para poder mellorar a calidade de vida e benestar do noso pobo, para, en definitiva, poder vivir mellor.
Mentres tanto, o BNG está neste Congreso para defender os intereses da Galiza, das súas clases populares, e políticas verdadeiramente transformadoras en beneficio das maiorías sociais. Para reclamar a reindustrialización e o emprego; exixir maiores investimentos em infraestruturas, especialmente ferroviarias; defender os nosos sectores primarios ou combater o espolio eólico colonial que sufrimos na Galiza.
Estamos para loitar por salarios e pensións dignas, fortalecer os servizos públicos e unha fiscalidade xusta e redistributiva. Por políticas de paz frente ao belicismo rampante. Por certo, convén lembralo hoxe cando se fan 20 anos da ilegal invasión de Iraq en que Aznar meteu o Estado español.
Estamos para avogar polo recoñecemento da Galiza como nación e polo respecto á nosa lingua e cultura. E para traballar por un futuro digno para a nosa mocidade, para todos os galegos e galegas. E continuaremos, porque é a nosa obrigación e o noso compromiso. E o BNG sempre cumpre.
A ultradereita trouxo aquí iniciativas para ilegalizarnos, para prohibir todas as forzas democráticas soberanistas. Mais verán: en 2019 o BNG foi chave para que Vox ficase fóra e permanecese na marxinalidade no noso País. Nas próximas eleccións o BNG voltará a ser unha muralla contra o fascismo na Galiza e voltaremos aquí con máis representación e con máis forza.
E vostedes, desde o seu machismo e o seu supremacismo españolista, profundamente antidemocrático, terán que tragar que en pouco máis de un ano haxa na Galiza un goberno do BNG, encabezado por unha muller nacionalista, de esquerda e feminista, Ana Pontón.
Por iso, continuaremos camiñando para un horizonte galego e republicano, de progreso, benestar e democracia, para unha Galiza libre e soberana.
(*) Texto da intervención no debate da Moción de censura presentada pola ultradereita. Marzo de 2023